Potenciar a colaboración en materia de emprego e formación, así como a atracción de talento exterior son os obxectivos do documento pioneiro asinado esta semana na Casa de Galicia de Madrid polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda, cos embaixadores de Colombia, Honduras, #Ecuador e Paraguai. No acto participou Asomega, representada por Roberto Conde, membro da Xunta Directiva da entidade.
A través deste documento, Galicia plasma a súa vontade de traballar con países hispanoamericanos en facilitar pontes de oportunidades para o talento e axudar a dar resposta a retos como a falta de man de obra en sectores estratéxicos, á vez que se crean valiosas sinerxías entre territorios.
O obxectivo, segundo salientou Rueda, é dar o primeiro paso nunha folla de ruta que arrancará este ano e estará dirixida a favorecer de forma ordenada a incorporación de traballadores de terceiros países ao mercado laboral galego. Búscase pechar un procedemento tutelado desde o inicio, onde participen as administracións de orixe e de destino do traballador así coma as empresas galegas con necesidade de incorporar talento e que poderán realizar ofertas de contratación nos países de orixe dos traballadores migrantes.
O presidente remarcou que Galicia leva anos apostando por unha estratexia sólida para casar oferta e demanda no mercado de traballo, pero lembrou que hai que seguir traballando para dar resposta as necesidades actuais das empresas. Nesta liña, salientou que este acordo súmase ás medidas implementadas para atraer traballadores cualificados e que complementan, sempre atendendo ás recomendacións da Unión Europea, á ampla batería de accións xa en marcha dentro do noso territorio para reter talento e potenciar as oportunidades laborais dos galegos e galegas.
O programa de atracción de talento da Xunta conta, dun xeito prioritario, con medidas destinadas aos galegos e galegas do exterior -a través da Estratexia Galicia Retorna- e complétase coa colaboración con terceiros países para promover accións en orixe. Esta última, unha nova liña de actuación baixo a que queda enmarcado este documento pioneiro entre Galicia e catro países hispanoamericanos.