A Real Academia Galega de Ciencias elixe a Fernando Calvet como ‘Científico Galego do Ano’

De orixe catalá, modernizou a química orgánica en Galicia e o seu centro de investigación integrouse nos Laboratorios Zeltia de Porriño.

23/02/2025

Fernando Calvet acaba de ser elixido ‘Científico Galego do Ano’ pola Real Academia Galega de Ciencias. Introdutor da bioquímica moderna en España, modernizou a química orgánica en Galicia e é considerado iniciador da investigación química na USC, nos anos 30 do pasado século.

Fernando Calvet.

Fernando Calvet.

A Academia salienta que “achegou un novo xeito de entender a Química na nosa comunidade” e que “colaborou eficazmente no desenvolvemento de Galicia coa súa contribución científica aplicada á industria, sendo un pioneiro neste labor”.

Aínda que o acto central de homenaxe terá lugar o 8 de outubro no marco do ‘Día da Ciencia en Galicia’, durante todo o ano programaranse diversas actividades para dar a coñecer a súa figura e as súas relevantes contribucións.

Unha traxectoria innovadora

En 1929, aos 26 anos, e tras licenciarse na Universidade de Barcelona e doutorarse en Oxford e Madrid, gañou a cátedra de Química Orgánica da Facultade de Ciencias da Universidade de Santiago de Compostela. Este centro, que aínda carecía de tradición docente e investigadora no campo das ciencias experimentais, nin sequera dispoñía de ningún laboratorio químico. Pouco despois recibiu unha bolsa da Fundación Rockefeller para traballar en Munich sobre a química dos alcaloides, baixo a dirección do premio nobel Heinrich Wieland.

De volta en Santiago, en 1930, conseguiu montar un laboratorio para prácticas de Química Orgánica. A partir de 1934 a orientación dos seus traballos comezou a mudar cara á aplicación da química orgánica nos sectores económicos do país como a pesca ou a industria farmacéutica. Así, fundou en Vigo -xunto o médico Ramón Obella e o farmacéutico Francisco Ruvira- o Instituto Bioquímico Miguel Servet, converténdose no seu director científico. O laboratorio dedicouse principalmente a estudar métodos de conservación, análise e extracción do caruncho do centeo co fin de obter alcaloides, que se empregarían para fabricar o preparado Pan Ergot, indicado para afeccións como a hemicrania e o glaucoma

Ao principio da guerra marchou a Estocolmo cunha bolsa de estudos e regresou en 1938 pero foi encarcerado por “catalanista, antimilitarista e polas súas ideas separatistas”. Ao saír da prisión, ao non poder reincorporarse á Universidade de Santiago asentouse coa súa familia en Vigo, onde reiniciou os seus traballos nos Laboratorios Miguel Servet, que aos poucos meses se integrarían nos Laboratorios Zeltia do Porriño. Nesta nova etapa, baixo a dirección de Calvet, Zeltia patentou en pouco máis dun ano máis de dez especialidades farmacéuticas e elaboráronse fármacos hepáticos, insulinas, vitaminas… Un dos seus grandes éxitos nesta empresa foi a síntese do popular insecticida ZZ.

En 1944 foi restituído no seu cargo de catedrático e destinóuselle á Universidade de Salamanca. Despois dun breve paso pola de Oviedo, incorporouse á de Barcelona, onde conseguiu que a bioquímica transformásese en disciplina independente, creou un importante grupo de investigación e colaborou como asesor científico-técnico en varias farmacéuticas.

En 2017 realizouse unha película sobre a súa vida: "Os fillos do sol".